Español   Gallego   

Clínica Dental Mario Bello Cerdeiro

Que facemos

Na Clínica Dental Mario Bello Cerdeiro xuntamos vocación e profesionalidade no coidado da saúde bucodental. Asumimos o compromiso de mellorar a calidade de vida dos nosos clientes, pacientes, a través dos coidados preventivos, a aplicación do noso arsenal terapeútico, dende o obxectivo de conservar as pezas propias nun estado óptimo, e a implementación dos novos avances na reconstrución e na mellora da oclusión. Porque sabemos que o concepto dunha boca sa integra a boa calidade do esmalte coa mellor calidade da mordida, para a mastigación pero tamén para o repouso, para a respiración, para a ausencia de stress.

Os nosos clientes son persoas preocupadas por manter a saúde da súa boca con custos razoables e tamén por coidar do seu aspecto estético, tan importante no ámbito das relacións interpersoais.

Os clientes que acoden á Clínica Dental Mario Bello Cerdeiro por primeira vez, fano animados tanto pola completa gama de servizos ofrecidos coma pola amplitude e flexibilidade dos horarios de consulta e atención. O trato próximo e a honestidade do persoal médico vense altamente compensados pola fidelidade dos nosos pacientes, que chegan a selo para toda a vida.

En boca dos nosos pacientes, unha das razóns de maior peso para elixirnos é a nosa actitude con relación á dor. Tanto a nosa aparatoloxía de última xeración coma a nosa forma de facer, con respecto escrupuloso aos tempos, responden á filosofía de realizar os mellores traballos evitando o sufrimento ao paciente. Alcanzamos así o reto, impensable en tempos pasados non moi remotos, de facer da "visita ao dentista" un motivo de satisfacción, exento de calquera connotación negativa. E cando o resultado, como é o caso, é a mellora da saúde e da estética, é comprensible o noso grao de complicidade co cliente.

Cando o recoñecemento e o diagnóstico do paciente revelan problemas que van máis alá dunha carie oportunista, é moi importante para nós escoitar. Os nosos pacientes refírennos os seus "problemas da boca", a forma en que lles afectan, pero, ademais, aportan datos moi importantes dos seus hábitos alimentarios, de limpeza; dinnos como dormen, como mastigan e se se sorprenden en medio da noite frotando con forza unha mandíbula contra a outra. En suma, se por algo destaca a nosa praxe é por ter na comunicación co paciente unha axuda inescusable para mellor alcanzar, a curto e sobre todo a longo prazo, o obxectivo de manter unha boca sa.

O mellor recoñecemento ao labor da nosa empresa é a consolidación da Clínica dental Mario Bello Cerdeiro como un servizo de saúde dental de referencia para clientes fidelizados a través do tempo.